sábado, 10 de octubre de 2026

BEIRAS DEIXA EXEMPLO QUE XERMINARÁ NO FUTURO


Antón Sánchez

A tristura que sinto mestúrase coa emoción de ver o enorme recoñecemento que expresa xente de distinta condición e idade ante a persoa de Beiras no día do seu falecemento. E reflexiono unha vez máis sobre o porqué desa admiración que despertou. Era intelixente, culto e un brillante comunicador pero conectaba sobre todo pola súa natureza rebelde ante as inxustizas, pola súa sensibilidade e empatía coas que sofren abusos. Esa capacidade de indignación que non perdeu nunca está na base da súa traxectoria. O seu amor por Galiza era reflexo desa sensibilidade. 

Contoume en máis dunha ocasión que se fixo independentista o día que na súa casa, con 14 anos, coñeceu a morte de Castelao, que morría lonxe, no exilio, afastado da súa terra polos bárbaros fascistas. Esa tristura e carraxe levouno a chegar á conclusión da necesidade de que Galiza fose libre e soberana para decidir o seu futuro. A partir de aí, o estudo, a racionalidade, a ilustración, pero na base ese sentimento de rebeldía.

Nalgunha ocasión díxome que había batallas que había que dar mesmo aínda sabendo que se podían perder ou incluso sendo conscientes de que a derrota era segura. Penso que aí está a esencia de por que o queriamos tanto, por esa xenerosidade e compromiso, como aqueles heroes de novela ou película que todos quixeramos ser pero non estamos dispostos a nos converter neles, porque iso implica que tes que levar labazadas, as veces das grandes. El non tiña inconvenientes en facelo se, desde as súa profundas conviccións, consideraba que era o que cumpría. 

Beiras asumiu as de estar do lado dos que sufrían e non dos poderosos. En Galiza non podía non estar coa causa da loita pola soberanía de Galiza e do lado do pobo traballador. Soubo dicir o que moitas pensaban e non podían dicir. Estaba a carón do pobo e nunca se pechou na política institucional. Percorreu Galiza, escoitou e falou coa xente do común en cada conflito, en cada recuncho do país. “Déalles caña señor Beiras”, repetíanlle.

Os vellos galeguistas, “irmáns” do seu pai soñaron unha Galiza moderna e liberada en todos os seus ámbitos e Beiras na súa faceta académica e intelectual pensou o país que Galiza debería de ser, na súa economía, nas súas institucións, ou na cultura. As súas análises facíannos ver o noso país con outros ollos dos que nos ensinaban os altofalantes do poder. 

Non perdeu a súa capacidade de indignarse nin de soñar e por iso conectaba coa xente moza. Se puidese estaría hoxe nas prazas reivindicando vivenda e vida dignas. Tiven a sorte de coñecelo e de paseniñamente trabar unha relación de lealdade absoluta que me permitiu coñecer de perto a súa figura colosal, no plano político e persoal-. Xa non está a persoa pero deixa exemplo que xerminará no futuro.

NOS  DdA, XXII/6493

No hay comentarios:

Publicar un comentario