martes, 1 de marzo de 2016

TEÑ0 82 ANOS E QUERO UNHA VACA PORQUE O LEITE DO CARTÓN NON O COME NIN O GATO


Un veciño de Meda asegura que grazas ás reses que tivo na súa vida puido manter e sacar adiante a 11 fillos
Vai xa para un ano que Castaña foi obrigada a marchar para o matadoiro. E desde daquela quedou valeira a corte na casa de Hilario e Ilda, en Cabanas, no Monte de Meda, case ao pé de Lugo.  A res pechou a saga de vacas que durante moitos anos foron compaña e tamén sustento desta parella de anciáns que reside nunha casiña con catro paredes de ladrillo e sen teito. «¡Pero non chove nela!», advirte o seu dono e tamén construtor. «A nosa casa, que fixemos noutro sitio, tiráronnola cunha sinatura falsa», di categórico.
 Agora, sen a Castaña, a melancolía bate na porta de Hilario Rodríguez Sánchez. Aos 82 anos quere unha vaca.  ¿A súa idade para que a quere? ¿Para darlle traballos?, fágolle a pregunta para saber se pensou ben o seu plan. «Ben podo con ela, ben. ¿E que traballo da unha vaca? ¡Chegamos a ter catro! ¡E aínda non vou poder atender unha!», advirte Hilario. E prosigue decidido: «Estou moi animado. Aínda hoxe (o xoves) fun á Xunta e dixéronme que conservara algún tempo o libro das reses por se quixera ter máis».
Hilario quere ter a vaca polo leite. «Mire unha cousa que lle vou dicir: ¡O do cartón, non o come nin o gato! O desnatado é unha pouca auga tinguida de branco», asegura este home que toda a vida bebeu leite puro de vaca e quere seguir facéndoo, pero a cousa complícase. Algo parecido pasoulles a milleiros de persoas que na última década foron desfacéndose das súas reses.  Estamos nun momento no que en moitas parroquias xa non quedan vacas. «¡Eu moita obrigación lles debo! Grazas a elas e tamén ao carro fun criando once fillos nuns tempos duros. E todos recibiron educación. Foron ao colexio da Ponte que se abriu no ano 72. O primeiro director foi don Camilo e o segundo don Tasio», contou.
E o que son as cousas... O mércores pola mañá acabaron case diante da súa casa nada menos que corenta vacas. E non foi por arte de maxia ou porque viñeran do ceo. Foi porque alguén complicou máis da conta o enlace da estrada de Ourense coa nova autovía de Santiago e chegou un camioneiro que, se cadra, non se soubo manexar ben e o vehículo envorcou coas reses dentro. Varias morreron e as outras fuxiron polas leiras. Pero Hilario non ten reposto para a Castaña.
As vacas, conta, axudáronlle a manter once fillos, todos mulleres menos un  varón. Hilario ten agora once netos. «Mantívenos con leite, pan, carne e caldo.  A muller facía unha «pota» grande e daba para tres días. Sementei, botei patacas... E nunca fun á praza. Mantívenos co que había na casa», explicou este veciño de Monte de Meda.
«No ano sesenta vendín un becerro ben guapo por dez mil pesetas», lembrou. «¡Xa eran cartos!», dígolle. «Eran, eran... Pero tamén eramos moitos na casa e había que aforrar porque ¿Quen sabía o que podía vir?», manifestou Hilario.

La Voz de Galicia, 28II16

No hay comentarios:

Publicar un comentario